Imaxes dos premiados na Semana Verde

Imaxe en grupo dos premiados na Semana Verde:

Pódense ver máis imaxes individuais no seguinte enlace.

Moitas vendas no mercado da Galiña de Mos na Semana Verde

Dentro do mercado da Galiña de Mos, celebrado na Semana Verde, houbo récord de asistencia, xa que participaron 16 criadores das catro provincias galegas, que tiñan inscritos case catro mil poliños. Finalmente entraron á feira tres mil polos de idades comprendidas entre un e tres meses. Pese a que non se agotaron o número de exemplares, as vendas foron moi numerosas e os contactos feitos con outros interesados, garanten a boa saúde da raza para o futuro.

Moitos contactos comerciais e institucionais na Semana Verde


Con motivo da Semana Verde fixéronnse moitos contactos comerciais, tanto a nivel de comercializadores de produtos cárnicos coma de interesados en adquirir animais vivos.

Tamén estivemos moi activos coa prensa, xa que os medios de comunicación estiveron moi interesados nas actividades que se fixeron coa Galiña de Mos e o futuro da raza.


Cinco productores da raza presentaron os produtos en Salimat

No Salón da Alimentación e do Atlántico Salimat, que se celebrou con motivo da Semana Verde 2013, cinco produtores de Galiña de Mos presentaron os produtos das súas granxas artesanais e das súas marcas comerciais. Foron as granxas, Aves do Concello, de Francisco Monasterio (de Vilalba, Lugo), Castro de Madrosende, de María José Castro e Nicolás Castro (de Vila de Cruces, Pontevedra), Chousa do Lea, de José Zapata (de Castro de Rei, Lugo), Soutodeherville, de Marcos Pichel (de Mos, Pontevedra) e Vicogalo, con David Sueiro (de Vila de Cruces, Pontevedra).
Presentáronse canais de galos, galiñas e pulardas, o despece destas producións, ovos e como novidade salchichón e chourizo de Galiña de Mos.

A Galega e TVE fixeron reportaxes sobre a Galiña de Mos na Semana Verde

O programa A Revista e Labranza da TVG e Agrosfera en TVE, fixeron reportaxes sobre a presencia da Galiña de Mos na Feira Internacional Semana Verde de Galicia.
Pódese consultar as reportaxes nas seguintes enlaces: A Revista do do día 13 de xuño, a partir do minuto 33.

Labranza do día 23 de xuño.

Varios aspectos importantes sobre a nosa raza foron analizados nas Xornadas Técnicas das razas autóctonas.

O sábado 15 e o domingo 16 de xuño celebráronse en Silleda, dentro da Semana Verde, unhas Xornadas Técnicas sobre as razas autóctonas. O domingo foi o día da Galiña de Mos, onde o Director Técnico da asociación, Diego Rois, falou sobre as Características dos galos da raza Mos fronte aos industriais, con diferentes sistemas de cría, das Normas básicas de manexo na Galiña de Mos, para unha correcta crianza na produción avícola artesanal e das Novidades do Programa de Conservación da Galiña de Mos e das normativas actuais e futuras. Posteriormente celebrouse a asamblea anual de criadores.
Estas interesantes ponencias, serán impartidas de novo en vindeiras ocasións debido ao interés mostrado polos criadores que non poderon asisitir.

Un lote de galiñas do concello de Tordoia (A Coruña) gaña o II Concurso por lotes Semana Verde 2013.

No II Concurso por lotes de Galiña de Mos celebrado na Semana Verde 2013, resultou vencedor un lote de Galiñas de Mos da criadora Cruz Lucía Grille Negreira, do concello de Tordoia, A Coruña. O segundo lugar foi para Alejandro Collazo Casal, de Mos, Pontevedra e o terceiro posto, foi para o lote de Diego Estévez Nieto, de Vilar de Barrio, Ourense.
Os lotes foron valorados polos xuíces e veterinarios oficiais da Xunta de Galicia, D. Cástor José Rivero e D. Julio Feijóo.
Máis información:  Semana Verde, Faro de Vigo

Gran éxito do menú das razas autóctonas elaborado para a Semana Verde

Desde a Federación de razas autóctonas de Galicia - BOAGA, en colaboración coas asociacións de criadores, elaborouse un menú degustación por 5 euros onde un dos platos, era "Galo de raza Mos en dúas coccións con filloa de guiso das súas aliñas e torto de millo", preparado pola Escola de Hostalería de Vilamarín. Acompañouse de preparacións coa carne das nosas razas bovinas autóctonas, de Ovella Galega e de Porco Celta. Foi unha boa ocasión para achegar os produtos das nosas razas ao consumidor.

O galo da nosa raza estará incluído no menú degustación das razas autóctonas na Semana Verde


Neste ano 2013 e dentro das actividades a celebrar do 13 ao 16 de xuño no XVII Salón de Alimentación do Atlántico – Salimat, no pavillón nº 1 do recinto feiral de Silleda, dentro da 36ª Feria Internacional Semana Verde de Galicia, BOAGA presenta TapiRazas, un restaurante de tapas con produtos das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Esta actividade ten por obxectivo promocionar as razas autóctonas galegas e os seus produtos, poñendo en valor as excelentes cualidades culinarias e sensoriais, diferenciándose como produtos únicos e de calidade. Xunto con BOAGA e as asociacións de criadores de cada unha das razas pertencentes á Federación, participarán e colaborarán a Escola de hostalería IES Vilamarín, a Asociación de Criadores de Porco Celta, e as bodegas Fernández Rodriguez, S.C. - ADEGA DA CAPELA e ADEGA CACHÍN S.C., cos viños Pousadoiro (Ribeiro) e Peza do Rei (Ribeira Sacra). A Escola de Hostalería de Vilamarín, elaborará as tapas cos produtos das razas autóctonas galegasCachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Ovella Galega, Galiña de Mos e Porco Celta, que se acompañarán de pan e bebida. O menú degustación con produtos de autóctonas consta de catro tapas: vacún, cordeiro, galo e porco, bebida e pan. TapiRazas estará en funcionamento de xoves a domingo de 12 a 16 horas e o sábado todo o día no pavillón 1, cun menú degustación a prezos populares, o menú custará 5 euros. 

Menú TapiRazas-Salimat 2013
Galo de raza Mos en dúas coccións con filloa de guiso das súas aliñas e torto de millo.
Cordeiro de raza Ovella Galega confitado ao tomiño, con fabas guisadas, setas de cardo e xamón. Tenreira* glaseada no seu xugo, mel e café con pastel de pataca, touciño entrefebrado e castaña. Costela de Porco Celta con adobo tradicional e chourizo ao viño de Ribeira Sacra 
*Para o prato de tenreira emprégase carne das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa

Récord de participación no mercado tradicional da Semana Verde

Case 4.000 poliños entrarán entre os días 13 e 16 de xuño ao mercado tradicional de venda de polos, que celebraremos con motivo da Semana Verde. Procedentes de 16 criadores das catro provincias galegas, poranse á venda exemplares de entre un e tres meses. A ocasión é idónea para adquirir exemplares da nosa raza. Esperámosvos.

As virtudes da Galiña de Mos serán analizadas dentro das Xornadas Técnicas das razas autóctonas, na Semana Verde

A Semana Verde, que se celebra do 13 ao 16 de xuño, incluirá unhas Xornadas Técnicas das Razas Autóctonas de Galicia en Perigo de Extinción, organizadas pola Federación de razas autóctonas de Galicia - Boaga. A Galiña de Mos, será a protagonista de diversas actividades. Diego Rois Losada, Director Técnico da Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos (Avimós), desgranará en tres ponencias técnicas as características dos galos da raza fronte aos industriais, as normas básicas de manexo deste tipo de galiñas  para unha correcta crianza na produción avícola artesanal, e as novidades no Programa de Conservación da  Galiña de Mos e nas normativas actuais e futuras.
As Xornadas son abertas a todo o público.


Máis información: Faro de Vigo, Semana Verde.

Unha criadora do concello de A Estrada gaña o I Concurso de Ovos fritos en Bandeira, Silleda

Na Vinoteca Cadeira, en Bandeira, concello de Silleda, Pontevedra, celebrouse o I Concurso de Ovos fritos do Deza-Tabeirós, o venres 7 de xuño. Participaron doce criadores de Galiña de Mos que proporcionaron cada un unha ducia de ovos, que foron presentados en cestas. Posteriormente os cociñeiros foron preparando os ovos, que foron valorados por un xurado formado por tres mulleres e tres homes, entre os que se atopaban D. Cástor José Rivero, Director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia e D. José Luis Factor, Xefe de Zona dos Servizos Veterinarios de Saúde Pública de Lalín.
Os ovos gañadores foron da criadora María Dolores López Ramos, do concello da Estrada.
O segundo posto foi para María José Castro Abonjo, da granxa Castro de Madrosende, de Vila de Cruces.
O terceiro lugar ocupáronno empatados a puntos José Antonio Abades Iglesias, do concello de Lalín e Santiago Caramés, do concello de A Golada.

 Víctor Fontán, marido da gañadora, recolle o premio que foi entregado por D. Antonio Iglesias, Director Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, en presenza de José Luis Factor, Xefe de Zona dos Servizos Veterinarios de Saúde Pública de Lalín


Criadores da comarca do Deza no Xornal Faro de Vigo

O xornal Faro de Vigo ben de informar, o pasado xoves 6 de xuño, da produción artesanal coa Galiña de Mos, en especial sobre a comercialización dos ovos a partir da nosa raza autóctona desde explotacións artesanais. Pódese consultar esta interesante reportaxe no seguinte enlace: "Huevos con marchamo de corral auténtico"

Concurso de ovos na Vinoteca Cadeira

O Venres 7 de xuño, concurso de Ovos fritos na Vinoteca Cadeira, en Bandeira, Silleda, provincia de Pontevedra, cunha importante participación de criadores da nosa raza, da comarca do Deza-Tabeirós. Todos produtores artesanais.

24 criadores participarán no II Concurso-Exposición da Galiña de Mos SEMANA VERDE 2013


Despois do gran éxito da primeira edición, a Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos-AVIMOS organiza xunto coa Federación de razas autóctonas de Galicia-BOAGA e a Fundación Semana Verde de Galicia, coa colaboración da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, a 2ª Exposición e Concurso por lotes de Galiña de Mos-SEMANA VERDE 2013. Nesta ocasión participarán 24 criadores que veñen das catro provincias galegas que presentarán preto de 100 aves reprodutoras adultas, que serán valoradas en conxunto por un xurado formado por veterinarios da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.  Do 13 ao 16 de xuño no Recinto Feiral de Silleda (Pontevedra). 

A Galiña de Mos estivo na Feira de Artesanía de Castro de Riberas de Lea


O criador José Zapata, da granxa de avicultura artesanal Chousa do Lea, estivo na Feira de Artesanía celebrada o 1 de xuño, na carballeira de Castro de Riberas de Lea, en Castro de Rei, Lugo. Alí mostrou un galo e unha galiña, ademáis dunha galiña con 15 poliños, que fixeron as delicias dos máis pequenos.