Feira en Mos

Os pasados días 20 e 21 de decembro celebrouse no alto de Puxeiros, no concello de Mos, Pontevedra a 1ª Exposición e Concurso da Galiña de Mos no concello de Mos. Tamén houbo un mercado de galos vivos.
A experiencia foi moi satisfactoria habendo un alto nivel entre os máis de 130 exemplares presentados pertencentes a 23 criadores de toda Galicia.

Os premiados foron na categoría de Galos:
1º premio-galo propiedade de Alvaro Rodríguez, de Mos, Pontevedra.
2º premio-galo propiedade de Edmundo Novoa, de Lugo.
3º premio - galo propiedade de Ramón Monasterio, de Vilalba, Lugo.

Na categoría de galiñas:
1º premio-galiña propiedade de Luis Fernández, de Riotorto, Lugo.
2º premio-galiña propiedade de Álvaro Rodríguez, de Mos, Pontevedra.
3º premio-galiña propiedade de Luis Fernández, de Riotorto, Lugo.

A feira estivo visitada por numeroso público. O domingo 21, vendéronse numerosos animais, sumando más de 50 galos e outras tantas galiñas.

A televisión galega fixo unha ampla cobertura da feira.

Estivemos na Feira Internacional Semana Verde de Galicia.

Este ano a Feira Internacional Semana Verde De Silleda celebrouse do 19 ao 23 de novembro. No pabellón de gandería instaláronse os paneis informativos da Galiña de Mos xunto aos das nosas razas autóctonas e do Pazo de Fontefiz, estando acompañados nesta edición tamén por información do Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia (CREAG).
En representación da Galiña de Mos leváronse dous lotes de exemplares do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galcia.
A feira foi moi visitada e repartíuse no noso stand abundante material publicitario.

Un criador de Galiña de Mos obtén o segundo premio da prestixiosa exposición avícola de Castropol.

Un galo do criador Luis Fernández, de Riotorto, Lugo, gañou o segundo premio de razas españolas dunha das exposicións avícolas máis importantes do panorama español, a Exposición de Avicultura de Castropol, que se celebrou entre o 7 e o 9 de novembro.

Avimós participou no desfile de gando do San Froilán de Lugo.

O venres 3 de outubro, desenvolveuse polas rúas céntricas de Lugo un fermoso desfile de gando que inauguraba a mostra gandeira celebrada con motivo das festas do San Froilán. As rúas que bordean a muralla romana e zonas peonís enchéronse de carros tirados por gando, podendo os transeuntes ollar ás razas gandeiras coma en tempos pasados. Avimós participou con dous lotes de exemplares que ían enriba de sendos carros tirados por vacas e burros.