Xornada Formativa no EFA Fonteboa.

O 22 de marzo os alumnos e alumnas do ciclo medio de produción agropecuaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa recibiron unha xornada formativa sobre avicultura artesanal e a nosa raza,impartida polo Director Técnico de Avimós, Diego Rois e tamén contou coa participación do criador de Arteixo Carlos López Cotelo, da granxa Avicultura Artesanal A Senra, que lles contou as súas experiencias coa raza e coa comercialización das producións.





No CEIP Cernadas de Castro naceron poliños.

Fermosa experiencia a que se vivíu durante o mes de marzo no CPI Cernadas de Castro, en Lousame, provincia da Coruña. Alí os alumnos e alumnas asistiron ao nacemento de poliños da nosa raza, formándose na cría das galiñas. Durante todo o mes traballaron en actividades relacionadas co ciclo de vida das aves. Atopámonos cunhas mestras moi comprometidas co medio natural. O Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visitou o colexio e puido observar a actividade desenvolvida.







Outro nacemento no colexio de Muimenta.

Tamén ao CEIP de Muimenta, concello de Cospeito, provincia de Lugo, chegou o programa A Galiña de Mos Vai á Escola, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no que os nenos e nenas poden coñecer o ciclo de incubación das galiñas e coñecer á nosa raza.









Celebráronse unhas novas Xornadas Gastronómicas sobre a Galiña de Mos.

 No restaurante O Forno de Tovar, en Lourenzá, provincia de Lugo, celebráronse entre o 15 e o 24 de marzo unhas Xornadas Gastronómicas sobre a raza Galiña de Mos, con diferentes eleboracións suculentas. Destacan sempre neste restaurante as súas famosas Fabas de Lourenzá con Galiña de Mos, que son a unión de dous dos mellores produtos da nosa terra.






No colexio de Castro de Rei naceron poliños.

Ao CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei, provincia de Lugo, chegou o Programa A Galiña de Mos Vai á Escola.Os alumnos e alumnas asistiron ao nacemento de poliños da nosa raza e participaron no seu coñecemento.








Charla sobre a Galiña de Mos no IES Melide

Os alumnos e alumnas do Ciclo Superior de FP Dual de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal do IES Melide, asistiron a unha charla sobre "Nocións de avicultura". No ciclo que están a estudar incídese especialmente en producións gandeiras como a produción láctea, pero é importante que coñezan outro tipo de producións alternativas, coma a da crianza coa Galiña de Mos.


Nas Pontes naceron máis poliños.

No Ceip A Magdalena en As Pontes de García Rodríguez, coincidindo co entroido, naceu outra tanda de poliños da raza Galiña de Mos, da incubación posta en marcha 21 días antes.






Novo nacemento de polos, no CEIP Cruceiro de Canido

O 8 de febreiro foi un día especial no Ceip Cruceiro De Canido, en Ferrol, onde naceron poliños da nosa raza, causando sensación e sorpresa o desenvolvemento do proceso de nacemento das aves.

Programa " A Galiña de Mos vai á escola"

No mes de febreiro tivemos boas noticias. A Área de Medio Rural de Vicepresidencia da Deputación de Lugo comunicoulle a Avimós a ampliación da axuda para o presente ano, para desenvolver na provincia de Lugo o programa " A Galiña de Mos vai á escola" que xa ten as prazas cubertas para o presente curso lectivo. Así os alumnos e alumnas de colexios da provincia de Lugo, poderán seguir asistindo ao nacementos de poliños da nosa raza. Así desta maneira as incubacións nos colexios da provincia de Lugo contan coa axuda da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e as efectuadas nos colexios das outras tres provincias galegas, coa axuda da Xunta de Galicia, a través do convenio coa Federación de Razas Autóctonas Galegas.


Participamos un ano máis en Fitur

A Feira Internacional de Turismo-FITUR, contou un ano máis coa nosa participación. Estivemos na presentación da guía E Para Comer Lugo invitados pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo. Aproveitamos para visitar a varios dos restaurantes que comercializan os produtos de razas autóctonas como La Lorenza, La Falda de Lavapiés, Portomarín, La Caníbal, Pazo de Lugo, Verdeo... Acompañáronnos ilustres galegos que traballan en Madrid e son amantes das nosas producións.




A Galiña de Mos estivo na feira do galo de Arteixo.

 Na feira do galo de Arteixo, celebrada o 23 de decembro, houbo paticipación da nosa raza. O criador Carlos Cotelo, de granxa A Senra participou con exemplares de Galiña de Mos.



No CEIP Monseivane naceu outra rolada de polos.

Ao CEIP Monseivane de Lanzós, no concello de Vilalba, chegou o Programa "A Galiña de Mos vai á escola". Os nenos e nenas gozaron co nacementos dos poliños. Moitas grazas a Vicepresidencia. Deputación de Lugo pola colaboración.